Datos de contacto

Avda. de Castelao, 2. - 36940 - Cangas (Pontevedra).
Ver localización

+ 34 986 300 050

+ 34 986 304 850

info@cangas.gal

Horario de atención ao público: de luns a venres de 9:00 a 14:30.
Horario do Rexistro Xeral: de luns a venres de 9:00 a 14:00.


“Redescubrindo as paisaxes de Berobreo”

A iniciativa “Redescubrindo as paisaxes de Berobreo” xurde no ano 2017 cando a Concellería de
Desenvolvemento Local ten coñecemento deste proxecto de posta en valor do patrimonio cultural e natural
do entorno do Monte do Facho.


Convencidos da importancia do valioso patrimonio histórico local, e da necesidade de recuperar e recoñecer
a riqueza do noso pasado en común e convertelo nun polo de desenvolvemento para Cangas, dende a área
traballouse para buscar a necesaria financiación para levar a cabo dito proxecto. En setembro de 2017
recibimos a confirmación de subvención do Grupo de Desenvolvemento Rural Pontevedra‐Morrazo.
Mediante estes fondos europeos xestionados por AGADER (Axencia Galega de Desenvolvemento Rural),
xunto coa aportación de fondos propios municipais do Concello de Cangas, no ano 2018 danse as condicións
para licitar o proxecto “Redescubrindo as paisaxes de Berobreo”.


O proxecto consistiu principalmente na posta en valor da corredoira empedrada de subida ó Santuario de
Berobreo no Monte do Facho, e dos achados de varios petróglifos neste camiño; tamén na rehabilitación e
dignificación da aldea medieval de Punxeiro, onde os devanceiros da zona de Donón viviron entre os séculos
XVI e XIX.


Esta posta en valor, xunto con as recentes excavacións do poboado castrexo no monte do Facho, abre
múltiples oportunidades para o desenvolvemento de novas actividades profesionais vinculadas á
dinamización cultural, ó ocio e ó turismo sustentable, e supón unha forte aposta pola divulgación e
conservación do patrimonio cultural local, que integre á comunidade e evite a situación de abandono no que
se atopaba a zona.


Este proxecto de desenvolvemento logrou conectar e implicar á comunidade local. As conversas coa xente
maior de Donón, confirman as hipóteses sobre os costumes e actividade da aldea medieval de Punxeiro.
Tamén a colaboración de entidades como Pouso da Serra, cooperativa galega xuvenil, que co seu traballo
diario de pastoreo co gando caprino axudou de forma crucial no desbroce de certas áreas, fomentando a
biodiversidade e a recuperación dos usos tradicionais do monte.


Aínda por finalizar esta primeira fase do proxecto, xa que queda pendente os traballos de sinalización dos
achados, estase xa a rematar os traballos de desbroce selectivo, coa supervisión permanente de un biólogo
e un arqueólogo de cara a documentar os achados perante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da
Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta.


A segunda fase do proxecto consistirá na elaboración de material de difusión e unha axenda cultural, que
estableza un calendario con xornadas públicas divulgadoras do proxecto co obxectivo de dar a coñecer a toda
a cidadanía o noso pasado, o noso patrimonio histórico‐cultural.


É necesario converter o noso pasado nun elemento activo e dinámico que repercuta na propia comunidade.
A conexión da veciñanza co patrimonio natural, paisaxístico e cultural fortalece a nosa identidade como
comunidade, axuda a conservación e sensibilización da veciñanza sobre os bens atopados, e permite ser un
lugar de referencia para a dinamización cultural e ambiental, e o fomento do ocio e o turismo sustentable no
noso municipio.