Datos de contacto

Avda. de Castelao, 2. - 36940 - Cangas (Pontevedra).
Ver localización

+ 34 986 300 050

+ 34 986 304 850

info@cangas.gal

Horario de atención ao público: de luns a venres de 9:00 a 14:30.
Horario do Rexistro Xeral: de luns a venres de 9:00 a 14:00.


Presentación do programa Primavera en Ruta

A concelleira de Medio Ambiente e Turismo, Tania Castro, en colaboración coa Asociación A Illa dos Ratos, presentou no día de hoxe as 9 rutas guiadas e gratuítas que compoñen o programa ‘Primavera en Ruta’. En total, haberá 16 días con variadas andainas repartidas entre os meses de abril e maio (desde o 7 de abril ata o 27 de maio), sendo sempre os sábados e os domingos as xornadas con estas actividades.

Nesta ocasión escolléronse algunhas das sendas que maior éxito tiveron en tempadas pasadas. Aínda así, incorpóranse novidades como ‘Cangas e o mar’, na que se expoñen contidos relacionados coa pesca tradicional, a chegada da industrialización e os movementos sociais xurdidos desde o mundo do mar a comezos do século XX; ‘A historia das mulleres de Cangas’, na que se fai un percorrido polas figuras relevantes da historia do pobo como María Soliño, Fina Acuña ou Dolores Blanco; ou ‘Muíños de Coiro’, que se realizará coincidindo coa Festa do Muíño de Fausto.

Entre as citas clásicas inclúense ‘Massó: o sentir dun pobo’ na que se fai un repaso á historia da que chegou a ser a maior factoría conserveira de Europa nos anos 50 centrándose na importancia que tivo para o desenvolvemento económico e social da comarca; ou ‘Cangas 1617: A defensa da vila’, a través da cal se abordan os feitos acontecidos no ano 1617 cando un grupo de piratas turco-berberiscos arrasaron este municipio.

As prazas son limitadas, polo que é necesario inscribirse na Oficina de Turismo de Cangas (986392023), mediante o facebook da citada formación (A Illa dos Ratos), ou a través do email ailladosratos@gmail.com indicando nome, idade, ruta escollida e un teléfono de contacto.

As andainas son as seguintes:

  • Cangas e o mar. Hora: 11:00. Saída: Igrexa de Cangas. 14 e 5 maio.
  • Massó. O sentir dun pobo. Hora: 11:00. Saída: Fábrica de Massó. 8, 29 de abril e 19 de maio.
  • Hío. De pedra en pedra. Hora: 11:00. Saída: Adro da Igrexa do Hío. 7 de abril.
  • Rúas con historia. Os nomes das nosas rúas. Hora: 11:00. Saída: O Reloxo da Alameda. 21 de abril e 26 de maio.
  • Senda costeira. Areamilla – Liméns. Hora: 11:00. Saída: Praia de Areamilla. 22 de abril e 12 de maio.
  • Cabo Home. Camiño dos faros. Hora: 11:00. Saída: Caracola de Donón. 13 de maio.
  • Cangas 1617. A defensa da vila. Hora: 11:00. Saída: Palco da Alameda Vella. 28 de abril e 27 de maio.
  • A historia das mulleres de Cangas. Hora: 11:00. Saída: Escultura de María Soliño, Xardíns de Andrea. 15 de abril e 20 de maio.
  • Os muíños de Coiro. Hora: 11:00. Saída: Aparcadoiro das pistas de Atletismo. 6 de maio.