Datos de contacto

Avda. de Castelao, 2. - 36940 - Cangas (Pontevedra).
Ver localización

+ 34 986 300 050

+ 34 986 304 850

info@cangas.gal

Horario de atención ao público: de luns a venres de 9:00 a 14:30.
Horario do Rexistro Xeral: de luns a venres de 9:00 a 14:00.


Programación semestral do Auditorio

“Estou moi orgulloso, a programación semestral do Auditorio deste ano é a que máis ilusión me provoca. Paréceme que está de marabilla. Potentísima”, estas foron as palabras que empregou o concelleiro de Cultura e Normalización Lingüística, Héitor Mera Herbello, para presentar todas as actividades que terán lugar nese espazo municipal desde febreiro a xullo e que supoñen arredor de 100 días con espectáculos ou eventos.

En liñas xerais, trátase dun programa que está divido en tres bloques: para todos os públicos, público máis restrinxido (infantil) e exposicións. No primeiro deles dáse un salto cualitativo co aumento das partidas da Rede Galega de Teatro, incrementando así as obras teatrais que se van reproducir. A adhesión no programa Cinemas de Galicia (Agadic) tamén é algo fundamental, posto que permitirá facer oito proxeccións de cine galego no Auditorio, sumadas ás que proxecta Cine Club Cangas.

O compromiso coa música é claro. Como exemplos máis representativos pódese destacar a presenza de Carmen Penín o 17 de marzo con ‘Herdeiras’ ou o concerto Son de Seu o 19 de maio. Unha das citas máis próximas é o musical de Shrek o vindeiro sábado 10 de febreiro.

Unha das apostas claras que leva a cabo o Concello é o impulso ao ciclo de teatro afeccionado do Morrazo ‘Citeamor’ para lograr que este proxecto se consolide e que acade unha maior visualización.

Outras citas estarán encabezadas por Carlos Blanco e Xosé Antonio Touriñán co monólogo ‘Somos criminais’, por Anthony Blake co espectáculo ‘Practicamente improbable’, por Ibuprofeno Teatro con ‘Casa O’Rei’, ou por algunhas asociacións como Peis d´hos, Adicam ou Aspamsim, entre outras.

No que atinxe á programación máis restrinxida débese resaltar a colaboración da Concellaría de Ensino, xunto a cal se organizou unha conferencia a cargo de Anxo Carracedo, eminencia no mundo da xenética que logrou o premio Lois Peña Novo pola asociación da ciencia coa lingua galega.  Compañías de teatro como Baobab ou La Boheme realizarán espectáculos dirixidos aos máis pequenos e pequenas. “O público infantil é a gran aposta da Concellaría de Cultura mentres eu estea ao fronte da mesta”, apuntou Héitor Mera.

Marzo será un mes especial, posto que se confeccionou toda unha programación arredor da celebración do Día Internacional da Muller. Proba disto, é a xa citada actuación de Carmen Penín. “A maiores, queríamos que chegara á nosa vila unha representación que está pensada para as mulleres: ‘Elisa e Marcela’ da Panadería, unha compañía de tres rapazas que está acadando un grande éxito”.

O último dos eventos será a 35ª Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. A súa inauguración realizarase o 29 de xullo.

En canto ás exposicións, o público poderá gozar cos gravados de Jorge Santiago, coas obras dos alumnos do Bacharelato de Artes do IES María Soliño ou co 18º Salón do Cómic e Ilustración de Cangas.

Sen dúbida, trátase dunha listaxe de actividades que abranga moitos e variados eidos, entre eles o educativo, profesional ou o social. Este último vese reflectido en varios festivais benéficos que levan a cabo moitas das asociacións ou formacións de Cangas.  

“O auditorio quere acoller toda a actividade cultural, estamos traendo a Cangas o mellor que hai no panorama español”.

Descargas