Datos de contacto

Avda. de Castelao, 2. - 36940 - Cangas (Pontevedra).
Ver localización

+ 34 986 300 050

+ 34 986 304 850

info@cangas.gal

Horario de atención ao público: de luns a venres de 9:00 a 14:30.
Horario do Rexistro Xeral: de luns a venres de 9:00 a 14:00.


Comezo do programa Inverno en Ruta

O programa ‘Inverno en Ruta’ que organiza a Concellaría de Medio Ambiente e Turismo xunto coa Illa dos Ratos comezará o vindeiro sábado 3 de febreiro e prolongarase ata o 31 de marzo. En total, son nove as rutas guiadas e gratuítas que forman parte deste proxecto e que están destinadas a desestacionalizar o turismo na vila, demostrando así que Cangas non “só é praia e calor”.

A principal novidade desta tempada é a andaina denominada como “Cangas e o mar”, que se levará a cabo o 3 de febreiro e o 17 de marzo a partir das 11:00 horas e na que se resalta a pesca como elemento fundamental para a historia e o avance do municipio: “Non podemos falar de como foi crecendo Cangas sen mencionar a pesca tradicional e os primeiros exportadores; de como seu pasou da pesca de subsistencia á industrialización e con ela aos primeiros movementos mariñeiros da nosa vila, nin de como eses movementos tomaron forma de sociedades, alianzas…”.

Por outra banda, mantéñense as rutas de ‘Massó, o sentir dun pobo’, ‘Intermareal, mar á vista’, ‘Rúas con historia’, ‘Hío, de pedra en pedra’, ‘Senda costeira de Areamilla a Liméns’ e ‘O Facho, gardián milenario’. Con todas elas preténdese resaltar e promocionar os recursos históricos, culturais e turísticos-medioambientais de Cangas.

A concelleira Tania Castro Paredes convida á veciñanza para que se inscriba nestas rutas. Convén puntualizar que todas as persoas interesadas deben anotarse previamente a través da Oficina de Turismo (teléfono 986 39 20 23) ou mediante o correo electrónico ailladosratos@gmail.com.

Programación das rutas (hora de inicio ás 11:00):

  1. Cangas e o mar. 3 de febreiro.
  2. Massó, o sentir dun pobo. 10 de febreiro.
  3. Intermareal, mar á vista. 17 de febreiro.
  4. Rúas con historia. 24 de febreiro
  5. Massó, o sentir dun pobo. 3 de marzo.
  6. Hío, de pedra en pedra. 10 de marzo.
  7. Cangas e o mar. 17 de marzo.
  8. Senda costeira de Areamilla a Liméns. 24 de marzo.
  9. O Facho, gardián milenario. 31 de marzo.