Datos de contacto

Avda. de Castelao, 2. - 36940 - Cangas (Pontevedra).
Ver localización

+ 34 986 300 050

+ 34 986 304 850

info@cangas.gal

Horario de atención ao público: de luns a venres de 9:00 a 14:30.
Horario do Rexistro Xeral: de luns a venres de 9:00 a 14:00.


Firma do convenio do filme María Solinha

Esta mañá firmouse un convenio entre o Concello de Cangas e a produtora Vía Láctea Filmes S.L. para o proxecto de longametraxe ‘María Solinha’. No acto estiveron presentes o Alcalde, Xosé Manuel Pazos Varela; o director do filme, Ignacio Vilar; o asesor de actores, Ermel Morales; a actriz protagonista, Andrea Santos; a representante da produtora, Eva Rivas; e dous dos responsables da coprodutora Vigópolis, Fabián Figueroa e Piño Prego.

A rodaxe de ‘María Solinha’ comezará en outubro de 2018 e estrearase no primeiro trimestre de 2019. Cangas será un dos espazos fundamentais no que se vai rodar esta película, sendo Cabo Home unha das localizacións máis importantes, algo que conseguirá unha “promoción impagable da nosa vila”, en palabras de Xosé Manuel Pazos Varela. “Aquí hai un viveiro de artistas impresionante, tal e como é o caso da actriz protagónica, á que lle auguro un futuro moi prometedor”. Cómpre salientar que Andrea Santos non será a única intérprete canguesa que figurará neste proxecto.

O argumento da obra xira arredor dunha moza que ten o soño de converterse en actriz. Cando se inicia a película ten 19-20 anos e comeza a estudar Arte Dramático. Nese momento descubre o método de introspección, un procedemento de auto análise e observación  que lle influirá ata tal punto de ocasionarlle problemas nos seus círculos máis próximos (familiar,  de amigos) . “A introspección significa algo que é difícil de aceptar polos demais”.

“María Soliña foi unha persoa que no seu momento quixo ser libre e non puido. Agora, no século XXI, María Soliña podería ser libre sen ningún problema?. A resposta é non, para acadar esa meta toparíase con moitas dificultades. Ese é o punto de partida da historia”, explicou Ignacio Vilar, director cunha grande experiencia, proba diso son as películas ‘A Esmorga’ ou ‘Sicixia’. “As personaxes téñense que facer verdade para que un proxecto desta envergadura consiga éxito”.

Desde Vía Láctea Filmes e Vigópolis agradécese a colaboración do Concello: “Valoramos o apoio nestes momentos de grande dificultade para sacar adiante o cine galego e en galego. Hoxe é un día moi importante para ‘María Solinha’”.

Andrea Santos representará o papel protagónico traballando man a man con Ignacio Vilar, a quen considera o seu “pai do Cine”. Desde pequena quixo entrar no mundo do teatro e aos 15 anos tiña claro que o que desexaba era converterse en actriz. Herme Morales será o encargado de lograr que a artista “entenda a realidade para que poida actuar na realidade”.

Por último, cabe resaltar que a aportación do Concello neste ano será de 20.000 euros. Para o vindeiro curso espérase facer unha aportación semellante ou maior, posto que se trata dun convenio bianual. En xeral, é un tratado co que se contribúe a un plan dunha gran envergadura e que afectará moi beneficiosamente os ámbitos sociais, culturais ou de promoción turística.