Datos de contacto

Avda. de Castelao, 2. - 36940 - Cangas (Pontevedra).
Ver localización

+ 34 986 300 050

+ 34 986 304 850

info@cangas.gal

Horario de atención ao público: de luns a venres de 9:00 a 14:30.
Horario do Rexistro Xeral: de luns a venres de 9:00 a 14:00.


Creación do Consello Municipal da Infancia

No día de hoxe creouse o Consello Municipal da Infancia de Cangas, acto que estivo presidido polo Alcalde, Xosé Manuel Pazos Varela, o concelleiro de Ensino e Deportes, Xoán Chillón Iglesias, e pola Inspectora de Educación, Yolanda Cadórniga . Este tipo de órgano participativo da Infancia xurde mirando o espello do mesmo órgano creado na cidade de Reggia Emilia – Italia –, hai unhas décadas, seguindo a filosofía pedagóxica do grande mestre Francesco Tonucci. Un órgano que pretende ser a voz da infancia, onde as nenas e os nenos sexan suxeitos en primeira persoa, propoñendo e suxerindo iniciativas na mellora dos seus intereses e calidade de vida.

O Consello Municipal da Infancia está integrado por 21 nenos/as de forma paritaria en igualdade de sexo. A composición contará con dous representantes (un neno e unha nena) dos cursos de 5º e 6º de Educación Primaria de cada un dos centros educativos, públicos e concertados do municipio. Ao inicio de cada curso académico irase renovando o 50% da súa composición, coa entrada da representación do alumnado do curso anterior. O centro educativo de maior matrícula escolar no ámbito municipal contará cunha representación a maiores.

Os temas a tratar serán as propostas presentadas polas distintas asembleas de clase e representación dos distintos centros e sectores:

— A atención á Infancia a distintos niveis (local e global), referidas á alimentación saudable, hixiene, saúde, ensino, relacións persoais,…

 — Fomento do xogo, exercicio físico e deporte.

— Solidariedade internacional, dereitos do neno a ser e estar felices.

 — Aprender para poder participar nas decisións que se toman nos ámbitos escolar e social.

— Aprender a respectar aos demais.

— Sensibilizar a responsabilidade do mundo adulto nas súas vidas. Deberes da sociedade para que a infancia sexa máis feliz, para estar protexida fronte ao maltrato, discriminación, violencia ou outros riscos.

A partir do Proxecto “Cangas, concello dos/as nenos/as”, por un concello integrador e participativo da infancia, o Concello de Cangas tense adherido ás cidades dos/as nenos/as que impulsa o pedagogo italiano Francesco Tonucci. En acordo plenario de 29 de abril de 2016, referendouse por unanimidade o respaldo a esta iniciativa. O proxecto ten como obxectivo que as cidades, os Concellos, teñan aos nenos e nenas como principais protagonistas das mesmas: unhas cidades humanizadas, nas que se favoreza a independencia dos/as máis pequenos/as, que poidan ir sos e soas aos centros educativos, para así crear lugares máis seguros para toda a cidadanía.

Os rapaces e rapazas, ademais de estar protexidos/as deben estar preparados/as para a vida, de tal forma que dispoñan de instrumentos, habilidades e autonomía propios. En base ao exposto, amparándose na lexislación e recomendacións vixentes trátase de constituír un órgano, unha mesa de traballo, transversal e interdisciplinaria, onde se trate de avaliar a situación actual e de dotar dos recursos axeitados de todo ámbito a fin de mellorar a calidade de vida da nosa infancia e dos nosos concellos.