• 1 Costa da Vela
    Cabo home
    coas illas Cies ao fondo,...
  • 1 Rodeira
    Vista dende a praia de Rodeira,
  • 1 Praia de Barra
    na enseada de Nerga,
castellano   galego     26/05/2017   
Concello de Cangas , 986 300 050

Boletín Oficial de Pontevedra

Vive o Morrazo

Boletín Oficial de Pontevedra

oficina virtual tributaria

oficina virtual tributaria

oficina virtual tributaria

oficina virtual tributaria

Danzas ancestrais en Cangas

 

entrada Danza de San Sebastián en Aldán – 20 de Xaneiro
entrada Danza de San Roque no Hío –16 de Agosto
entrada Danza e contradanza de Darbo 8 de Setembro

 

Cangas ostenta o privilexo de conservar unha serie de danzas ancestrais, sen parangón coñecido en Galicia, declaradas de Interese Turístico Galego.

Todas elas contan, ó menos, con varios centos de anos de antigüidade, pero a súa orixe é, seguramente, moito máis remota.Unha das súas particularidades é que os bailaríns, moi especialmente as mulleres, lucen traxes de enorme vistosidade, absolutamente inusuais no folklore galego.

Dado que só se celebran unha vez ó ano, o visitante que teña o bo tino de achegarse á nosa vila nas datas axeitadas, quedará fondamente impresionado cun espectáculo único i exclusivo, que nos remite ás raíces máis profundas do noso ser colectivo

 

intro Danza de San Sebastián en Aldán - 20 de Xaneiro

Danza de AldánA "Danza de San Sebastián" ten lugar cada 20 de xaneiro en Aldán, coincidindo coa festividade deste santo, no Adro da Igrexa de San Cibrán de Aldán, aínda que as veces repítese no mesmo día noutro punto desta parroquia.
Ata o ano 1995, o baile celebrábase polas tardes no patio do Pazo dos Condes de Aldán. Actualmente báilase pola mañá ao remate da misa solemne das 12:00 h. e pola tarde vólvese a bailar aínda que sen conexión relixiosa en dúas ocasións: ás cinco no “Torreiro” e ás seis na alameda. No caso de chuvia celébrase sempre no colexio das monxas de Aldán.
Este baile ten a consideración de danza ancestral xa que existe documentación que proba que se bailaba xa en 1.678, (o que significa que no ano 2003 cumpriu 325 anos ininterrompidos de vida) data na que se constituíu a confraría do Santo e quedou constancia de que o mordomo foi Joseph Francisco de Gayoso e Aldao, antepasado dos condes de Canalejas.

A pesar de que non se coñece nin a orixe, nin o significado, sábese que durante séculos a danza estivo relacionada tanto cun carácter votivo (enfermidade) como coa nobreza local. Os danzantes son veciños ofrecidos ao santo sexa pola súa conta ou pola dos seus familiares, en cumprimento dunha promesa, aínda que isto foi cambiando xa que empezaron a bailar simplemente porque lles gustaba. A organización desta danza corre a cargo da Asociación Cultural San Sebastián e dun mordomo, que recada pola parroquia o diñeiro necesario para cubrir gastos, entre os que se inclúe a tradicional cena do 19 de xaneiro.

A danza componse de dez galáns, cinco damas e un guía. Ata hai 40 anos era interpretada unicamente por homes. O baile ten especial brillantez pola mañá, cando se baila ante o santo, durante a procesión que se celebra diante da igrexa parroquial cunha duración aproximada de corenta minutos. Comeza coas venias a San Sebastián e á Cruz. Os danzantes inclínanse seis veces ante cada imaxe: tres veces cando se achegan e outras tres ao volver á posición inicial. A Virxe do Carme acompaña ao Santo, arroupado por unha gran póla de limoeiro, e á Cruz. O guía dirixe en todo momento os movementos do grupo, que baila seguindo ao son da gaita e o tamboril e acompañados do ritmo que fan soar as castañolas dos galáns no inicio de cada compás. Esta clásica danza finaliza cunha muiñeira a modo de contradanza

A vestimenta da Danza de Aldán:

GalánsDamas de AldánA actual vestimenta dos Galáns de Aldán, en cor e en estilo negro, presenta un traxe de vestir con camisa branca, gravata gris, zapatos de sola, sombreiro e unha banda que cruza polo peito. Os Galáns da Danza de Aldán levan como complemento unhas castañolas que tocan durante o baile.
Esta banda é de cor púrpura, unha tonalidade que coincide coa do manto do Santo, aínda que durante moitos anos foi substituída pola cor da bandeira española. Ademais, a do guía distínguese da do resto dos galáns por ser de cor malva.
A vestimenta das Damas de Aldán é semellante á empregada na Danza e Contradanza de Darbo.


O traxe das mulleres consta dunhas enaguas brancas con puntillas bastante anchas por riba das cales visten un mandil negro con pedrería de acibeche. A camisa ten a mesma cor que as enaguas con moitos bordados e colo subido.

Compleméntase cun vistoso mantón de Manila que se pon polos ombreiros prendido con broches de fantasía deixando ao descuberto a pecheira da camisa sobre a que caen numerosos colares de pedrería de varios tamaños. Na cabeza, sombreiro de palla, adornado cunha rechamante composición floral artificial de diversas cores da que penden pola súa parte traseira numerosas e longas cintas de cores que chegan cos seus flocos case ata o chan. Pendentes e sortellas complementan este vistoso e pesado traxe que fai que os movementos das Damas sexan repousados e lentos.

 

subir

 

 

intro Danza de San Roque no Hío - 16 de Agosto

O 16 de Agosto, despis dos oficios relixiosos: O Cruceiro do Hío é o escenario no que se interpreta a tradicional Danza coñecida como “Danza de San Roque” ou “Dos Peregrinos”.

danza no HioA Danza de San Roque no Hío ten lugar nun entorno privilexiado que é o conxunto arquitectónico monumental que se encontra nesta parroquia, formado polo Cruceiro do mesmo nome, a Igrexa de San Andrés e a Casa Rectoral.

Coma todos os anos, O Cruceiro do Hío é o escenario no que se interpreta a tradicional Danza coñecida como “Danza de San Roque” ou “Dos Peregrinos”, que data do século XIV da que se conservan varias hipóteses sobre a súa orixe.

A primeira é a de agradecer ao Santo a curación da peste que asolou a parroquia e a toda a comarca nesa época.
A segunda apunta a que a orixe das Danzas foi debida a imitacións do pobo dos bailes da nobreza local, e unha última di que é de orixe grega.

Un requisito imprescindible para ser mordomo ou danzante desta celebración é ser natural do Hío, e como dato curioso hai que subliñar que o grupo non se pode ampliar ata que algúns dos actuais bailaríns desexe ser relevados, para que outro poida ocupar o seu lugar dentro da coreografía.

A maioría dos danzantes foron prometidos polas súas familias para continuar unha tradición familiar. A distribución coreográfica de todos os que compoñen o grupo é a seguinte: os Danzantes repártense en tres filas paralelas, as dos extremos son ocupadas polos galáns e no medio sitúanse os cinco nenos.

O paso de todos estes danzantes márcao o guía, que sempre é o maior de todos os que bailan, e seguindo as súas indicacións, os bailaríns móvense ao ritmo da música, composta por gaita e tambor (antigamente tocábase cunha caixa), e acompañada polas castañolas dos galáns. Danzantes e mordomo, este último ofrecido por promesa a organizar a festa cando lle corresponda por orde do cura, encárgase dos preparativos previos a festividade xunto con veciños do Hío, preparativos que van dende falar co guía da Danza para pedirlle o nome dos danzantes ós que ten que avisar, recoller donativos para a festa, preparar o templo para o día (misa, flores, procesión...), avisar ós gaiteiros, contratar os fogos, ao fogueteiro, e a comida dos danzantes, pois dende a década dos anos corenta instaurouse como costume ofrecerlles unha comida como “pago” polo baile.

Ademais de todo o sinalado anteriormente, o mordomo invita ós danzantes a unha merenda a véspera do día da Danza despois do ensaio xeral. O baile que dura tres cuartos de hora e remata coa Contradanza, comeza trala misa solemne e a procesión, coas peculiares xenuflexións cada tres pasos ante cada imaxe, a da cruz e a de San Roque. Os punteos e os xiros repítense mentres os bailaríns rompen as filas. A continuación faise un percorrido ata a altura do restaurante “O Pereiro” realizando unha serie de puntos. Despois de que se recolle a procesión realízase un segundo baile pola mañá.

A Contradanza é a parte realizada de regreso á Igrexa cando San Roque volve ao templo, esta vez sen chaqueta. A diferencia entre as dúas pezas, Danza e Contradanza, está na velocidade dos movementos e nos instantes en que se interpreta, a Contradanza ten uns tempos de catro por catro, é dicir, unha muiñeira que é tamén como se coñece esta parte da peza.

Mentres que a danza acompaña á procesión sen que os danzantes cesen no seu cometido, a Contradanza realízase a maior velocidade no adro á recollida da solemne procesión.

Xa pola tarde repítese o espectáculo, nesta ocasión con carácter profano, sen a presencia do Santo. Os últimos actos da festividade de San Roque son a celebración dunha misa solemne e as “Poxas”, na que os devotos ofrecen ao santo animais, froitos da colleita ou cartos.

Vestimenta:
A Danza do Hío componse unicamente de bailaríns masculinos e suman un número total de dezaseis, distribuídos en dez Galáns, cinco Damas e o “Guía de Damas”.
Os dez Galáns van uniformados con camisa e pantalón branco, chaqueta azul a xogo cun sombreiro de feltro coroado por unha pequena vieira de prata e gravata verde. Neste caso as castañolas tamén complementan a orixinalidade do baile.
As cinco Damas, así chamadas a pesar de ser nenos, van caracterizados coma San Roque pois pasaron a vestir por acordo do párroco con traxe de peregrino semellante á indumentaria do Santo. Estas indumentarias consisten nun vestido longo ata os pes de veludo verde e engurrado na cintura. Polos ombreiros levan unha capa de veludo vermella xunto co tradicional sombreiro de peregrino.
Ao igual que nas outras dúas Danzas, a Danza do Hío tamén pasou por tempos de escaseza e nalgúns anos houbo que bailala co que cada un tiña. Aínda así a súa celebración sempre se fixo de maneira ininterrompida gozando dunha gran participación do pobo e entre as diversas anécdotas populares destaca o feito de utilizar os pantalóns empregados no servicio militar para interpretar a Danza.

 

subir

 

intro Danza e contradanza de Darbo – 8 de Setembro

Vídeo da danza de Darbo. video

Danza de DarboAs festas de Darbo están consideradas como unha das máis afamadas de tódalas Rías Baixas sendo un exemplo da mellor tradición romeira.
A continuación da celebración dos oficios relixiosos, chega o mellor momento: a procesión ao redor do templo da patroa de Darbo, Santa María, ao longo dun percorrido que se achega ao medio quilómetro.
O seu remate bailase a tradicional Danza e Contradanza diante da imaxe da Virxe. No Adro da Igrexa Parroquial de Santa María de Darbo.
Xa pola tarde, ten lugar unha segunda misa, ao redor das sete, á cal lle segue, de novo, a Danza e Contradanza, que ten unha duración aproximada de tres cuartos de hora. Este baile está considerado como unha das pezas máis antigas de Galicia, herdada e transmitida durante séculos polos antepasados.
A danza data do século XVI e bailábase para dar gracias á Virxe por favores recibidos durante o ano.
Participan dez galáns, cinco damas, un gaiteiro e un tamborileiro, todos eles dirixidos por un guía que marca o tempo da Danza e da Contradanza.
Os danzantes distribúense en tres filas, seguindo ao guía principal, que leva as damas e as coloca formando arco en fronte da fila da esquerda; esta sae e marcha por fóra da outra formando outra parte do arco que se une ao primeiro; e, por último, a outra fila de galáns cerra a circunferencia. Para a Contradanza utilízase a mesma colocación, fórmase un círculo xeral levando o guía ás damas e despois ós contraguías coas súas filas.
Desfacendo o círculo formando as tres filas, e cunha volta sobre si mesmo de cada individuo, remata a Contradanza e a Danza. Trátase dun baile moi vistoso, no que os homes tocan as castañolas. Un grupo de bailaríns baila ante a figura da Virxe, seguindo unha coreografía transmitida de pais a fillos procedente do seo dos gremios e confrarías que querían honrar á súa patroa. Como xa temos dito, a Danza de Darbo coincide coas festas do mesmo nome que son as que maior repercusión e éxito acadan de todas as que se celebran nas distintas parroquias de Cangas.


Vestimenta:
A vestimenta dos Galáns da Danza de Darbo sufriu variacións ao longo da súa historia. Antano os galáns vestían un traxe calquera intentando os compoñentes do baile ir coas mellores prendas que cada un posuía. Ata hai poucos anos e coa finalidade de conseguir que todos fosen vestidos do mesmo xeito lucían a vestimenta usada nos bailes típicos galegos.

Galán DarboNa actualidade e gracias o esforzo por recuperar a indumentaria orixinal da Danza, bailase cun traxe escuro e camisa branca, dita recuperación fíxose realidade gracias ás contribucións realizadas polos fregueses a través da Asociación Cultural

Os homes que bailan na Danza desta parroquia tamén levan sombreiro, de feltro, que no caso do guía e para diferencialo é adornado cunha gran pluma. Outro complemento que atopamos na vestimenta dos homes son os pendentes. Sobre o porqué deste tipo de xoias na súa vestimenta existen varias teorías, unha delas afirma que é un complemento levado dende antano para simbolizar riqueza, así pois, estas xoias imitan ao ouro como reminiscencia de tempos pasados. A outra teoría sobre a orixe dos pendentes basease en que os homes tiveron que substituír ás damas para cumprir cun dos vetos impostos pola igrexa que prohibía a participación das mulleres nestes bailes.



As Damas visten enaguas e saias de cor branca con puntillas de ata dez centímetros de anchura tapadas ambas prendas cun mandil negro bordado. A camisa tamén é de cor branca de mangas anchas e con moita engurra. Cubrindo a camisa levan un pano de cachemir cruzado e atado atrás.



Damas DarboOs sombreiros son de palla e seméllanse moito ós da Danza de Aldán aínda que neste caso as flores son naturais e a composición floral é cada ano diferente, pois son as propias Damas as que os confeccionan horas antes de que teña lugar a Danza para que as flores teñan o mellor aspecto posible.

Estes sombreiros son elaborados a partir dunha base de espuma onde se insiren os talos dos ramalletes ata alcanzar os trinta centímetros de altura, sen dúbida dunha vistosidade que ben merece ser contemplada.

Enlaces: romariadedarbo.com
Fonte: http://webs.uvigo.es/ronsel/index.php (Portal do Patrimonio Cultural Inmaterial de Galicia)

 

 

 

subir

 

 

 

 

 

 

© 2013 Concello de Cangas | Aviso Legal | Mapa web
Avenida de Castelao 2, Cangas
Telf: 986 300 050